Thursday 19 de September de 2024

Valentín Calvín ‘debuta’ como alcalde axilizando as xestións para o Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira


• O novo rexedor reuniuse cos técnicos do evento, o sarxento da Garda Civil e a Policía Local no seu primeiro día como rexedor

• Reforzar a área de Servizos Sociais é unha das prioridades neste arranque de mandato

• O primeiro pleno desta nova etapa podería celebrarse a finais desta semana para constituír as mesas electorais para os comicios do 23 de xullo

O novo alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, ‘debutou’ este luns no posto de rexedor nunha xornada intensacon varias reunións de traballo. Varios destes encontros tiveron como temática a organización do Festival Internacional do mundo celta da localidade, que se celebrará entre o 9 e o 16 de xullo, e require axilizar tramitacións en varias cuestións. Unha delas, o seu plan de seguridade.

Calvín entrevistouse co técnico do festival, co sarxento da Garda Civil do posto de Ortigueira e con representantes da Policía Local como paso previo a convocar a mesa de seguridade da cita cultural, que apunta a levar a cabo o 3 de xullo. “É necesario axilizar os trámites para ter todo preparado de fronte un evento no que acolleremos a máis de 100.000 visitantes”, recoñeceu o edil principal.

A maiores, o alcalde xa xestiona a fórmula para reforzar a área de Servizos Sociais do Concello de Ortigueira, á que pretende dotar dun novo traballador con experiencia para potenciar este ámbito.

En canto á confección do equipo de goberno, o grupo popular ten previsto concretalo nos próximos días para facelo oficial, probablemente, ao longo da próxima semana. Previamente, a presenza no horizonte das eleccións xerais do 23 de xullo obriga a convocar un pleno urxente para constituír as mesas electorais. Este pleno será o primeiro do novo mandato que o pasado sábado se iniciou en Ortigueira.